La revista online Tempos Dixital ha publicado un interesante artículo en el que Chuchamel está muy presente. Lo podéis leer a continuación o en el siguiente enlace:
Os organismos como a Organización Mundial da Saúde (OMS), o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF) ou a Asociación Española de Pediatría recomendan alimentar aos bebés con lactancia materna exclusiva ata os seis primeiros meses e, en combinación con outros alimentos, ata os dous anos. Un período de tempo no que as nenas e os nenos necesitan máis nutrientes para o desenvolvemento do seu organismo. Ademais, tamén se recomenda manter a lactancia máis alá destes dous anos sempre que a nai e o neno queiran. Segundo estudos antropolóxicos, aínda na actualidade, os patróns de duración do amamantamento en países subdesenvolvidos sempre foron de 3 a 4 anos con variacións entre o ano e os 7.
Está claro que os beneficios da lactancia son innumerables: protexe contra infeccións, alerxias, mellora o vencello de unión ca nai… pero en cambio a opinión dos especialistas sobre o tema é diversa. Hai algún pediatras que ven na lactancia un erro se o bebé non adquire o peso axeitado con respecto ao seu tempo de vida, recomendando o destete. Tamén existen erros en canto aos conceptos que dan a entender dun xeito negativo que o amamantamento está durando máis do que debería ser.
Así as cousas, as galegas estamos moi lonxe de cumprir ca recomendación dos organismos anteriormente citados. E é que a partir dos tres meses a lactancia artificial xa supera o aleitamento materno. Galicia ten unha das taxas máis baixas de lactancia natural de todo o Estado.
Aínda que os expertos consideran o leite materno como mellor opción nutricional para os bebés, a lactancia materna non sempre é posible. A través da lexislación búscase acadar un equilibrio entre a maternidade e o traballo fóra de casa, algo imprescindible para poder coidar dun fillo e esencial para facilitarlle ás nais que traballan poder dar o peito. Un exemplo na inclusión de plans que apostan pola igualdade, así coma, a protección do embarazo e a lactancia materna témolo na empresa Inditex. Estas medidas van no camiño do correcto pero aínda así moitas mulleres aseguran que os problemas non rematan aí, manifestan que a profundización no tema non debe quedar sempre na conciliación familiar-laboral e que hai máis cuestións que deberían abordarse. A parte dos motivos médicos que poden desaconsellar a lactancia materna algunhas nais optan por dar o biberón por comodidade. Deste xeito calquera podería alimentar ó bebé, as tomas daríanse con menor frecuencia -o leite artificial adoita precisar máis tempo para dixerirse- e as nais non terían que preocuparse de que o que coman ou beban poida afectar ós seus bebés.
‘Os 10 pasos para unha lactancia materna existosa’ é o nome que leva a declaración conxunta que facían en 1989 a OMS e UNICEF. O último punto falaba da creación de grupos de apoio á lactancia e de remitir ás nais a estas. Un ano antes do nacemento da Federación recollíanse os froitos das primeiras reunións entre asociacións: a retirada da orde pola que se regulaba a doazón de leites artificiais a familias numerosas e partos múltiples, que vulneraba o Código Internacional de Comercialización de Sucedáneos de Leite Materno.
Logo da celebración da Semana Mundial da Lactancia Materna, o 29 de Setembro do ano 2007, as dez asociacións existentes naquel momento en Galicia asinaron en Santiago a acta fundacional da Federación Galega de Asociacións de Apoio á Lactancia Materna (Fedegalma). Era o primeiro acordo deste tipo que se selaba na nosa comunidade. Nos estatutos da Fedegalma quedaba establecido entre os seus fins o de promoción e organización de actividades, programas e cursos de capacitación que servirían de apoio á lactación e ás mulleres que en Galicia escolleran esta opción. A asesora de Bico de leite e vicepresidenta da Fedegalma, Patricia López Izquierdo, di ao respecto «para min, os maiores logros desta federación son o mero feito de existir e de poñernos en contacto os diferentes grupos para apoiarnos e formarnos entre nós. De cara ao público, se cadra, os eventos máis destacados son a colaboración no libro Eu tamén son fonte (de Teresa Moure) e mais o anuncio Nada como mamá, nada como mamar pasado na TVG».
Todas estiveron presentes naquel especial nacemento. A partir daquel intre comezou o traballo, sobre todo das nais, a prol da normalización da lactancia materna na sociedade galega e da defensa dun dereito, o seu dereito a decidir e a recibir todo o apoio social e profesional necesario para desenvolver o aleitamento. Tempos Dixital fala con asociacións como Chuchamel de Moaña e Bico de Leite de Lugo.
Tempos Dixital: Con que aspiracións decidides unirvos a unha asociación de axuda a lactancia?
Lucía, de Chuchamel: A maioría das nais que chegan a Chuchamel fano en busca de apoio e información. Buscando que lle axudemos a resolver os problemas que a lactancia lle causa nese momento. E habitual que todo o teu entorno che diga como criar o teu fillo, pero non están familiarizados coa lactancia, e normalmente, os familiares banalizan o aleitamento, incluso o persoal sanitario que non se forma en LM o fai.
Chuchamel constituíuse no 2002 para establecer un traballo que a matrona de Moaña, Marisol Santomé, viña realizando ata daquela. Reuníase co seu grupo post-parto para intentar solventar os posibles problemas. Foi cando todas se decataron da ausencia de apoio ás mulleres que querían alimentar aos seus fillos co leite materno. Esta carencia ven dada pola interrupción que sufriu a lactancia materna nos anos 70 como actividade convencional, debido ó desenvolvemento dos leites artificiais.
Susana, de Bico de Leite: No meu caso foi para estar con outras nais lactantes e mais cos seus bebés. Pasada a primeira semana no hospital, na que o apoio ao aleitamento foi nulo. Así que me unín a Bico de leite coa única finalidade de falar e de compartir experiencias con outras nais, tendo en conta que no meu contorno case ninguén aleita alén dos tres meses…Esta é a duración media en Galicia, a máis baixa de España.
TD: Como influíu isto na instauración e mantemento da lactancia?
Lucía, de Chuchamel: Pois inflúe negativamente… Hai un sen fin de causas… A falta de información e apoio prenatal e post-natal á nai e a súa familia; as prácticas e rutinas inadecuadas nas maternidades, en atención primaria e noutros ámbitos da atención sanitaria; a escasa formación dos profesionais e autoridades sobre lactación materna; o escaso apoio social e familiar á nai lactante; o emprego inadecuado da publicidade de sucedáneos do leite materno en institución sanitarias e fóra das mesmas; a visión social da alimentación con biberón como norma nos medios de comunicación, en publicacións para pais e en libros infantís; a distribución de mostras de leite artificial, tetinas o chupetes en centros de saúde, farmacias e comercios; a escaseza de medidas de apoio a nai lactante con traballo remunerado na lexislación vixente e nos lugares de traballo; algúns mitos sociais (medo a perder a silueta ou á deformación dos peitos), o medo a perda de liberdade da muller que dá o peito… O movemento das asociacións loitan por unha normalización desta acción natural na sociedade actual.
TD: A suma de todas estas causas foi o condicionante principal para que se comezaran a crear grupos de apoio á lactancia?
Lucía, de Chuchamel: Si, nese contexto, os grupos de Apoio á Lactación Materna xurdiron con forza ao longo dos últimos anos en toda España. Son un moi bo aliado dos profesionais sanitarios, xa que ao inicio da lactación son relativamente normais unha serie de problemas (gretas, ingurxitacións, problemas coa posición, etc) que moitas veces non son de natureza médica ou que poden ser resoltos sen necesidade de acudir aos profesionais sanitarios ou urxencias, moitas veces saturados ou faltos de tempo.
TD: Como describiriades os beneficios da lactancia materna?
Lucía, de Chuchamel: Unha gran parte do alimento “da teta” é emocional. A teta cura todos os males, tanto os dos cativos coma os nosos. Cando aleitas o teu fillo, non solo lle das leite, se non que o abrazas, miralo, fálaslle, acarícialo e sobre todo ESTÁS, cousa que cada vez e menos habitual. Nós defendemos o aleitamento ata que a nai ou o bebe queiran. Pero ás veces, isto non pode ser, ben porque a mama non quere aleitar máis, ou porque o bebe decide destetarse de forma precoz. Nos non xulgamos os aleitamentos menores de dous anos como algo negativo, pois sexa o tempo que sexa é bo para a nai e o seu bebe.
Susana, de Bico de Leite: Primeiro quero dicir que o aleitamento debería ser o xeito normal de alimentación dos bebés humanos, é o leite da nosa especie. Por iso no movemento social pro- lactancia, no canto dos beneficios do leite materno adoitamos falar claramente dos riscos do leite artificial, tanto para o bebé como para a nai. A lactancia materna proporciona todo o necesario para o desenvolvemento dos nenos e das nenas, tanto a nivel nutricional como afectivo. Hai un estudo do ano pasado moi significativo, que comentou Kathleen Kendall cando estivo hai pouco no noso país: no caso de nais recentes con depresión, se o bebé é alimentado con leite artificial, ten o mapa cerebral dunha persoa deprimida. Se é aleitado, ten un mapa cerebral normal.
TD: Como nais teredes escoitado moitos prexuízos sociais e culturais sobre o que reporta a lactancia materna que axudan a distorsionar a realidade. Que se chega a dicir?
Lucía, de Chuchamel: Escoitas de todo: “pareces unha xitana”, “de aí non pode saír leite”, “non ten fame”, “iso é vicio”, pero a perla máis grande que me dixeron a min era que lle estaba a causar un trauma. Ao principio os comentarios afectan, pero co tempo…. Cada comentario negativo prodúceme risa.
Susana, de Bico de Leite: Por suposto que os prexuízos sociais distorsionan á realidade. En consecuencia, a decisión de non aleitar ou de aleitar brevemente está totalmente mediatizada polos hábitos e costumes dunha sociedade deshumanizada, desconectada do instinto e irrespectuosa coas necesidades e cos dereitos da infancia. Sobre o que se chega a dicir a nosa asociación ten unha entrada no noso blogue… “aínda tés leite?”, “aínda lle das teta? Pobriño!”, “co ben que se crían co biberón!”…
TD: Os dictámenes as veces proceden dos propios especialistas. Que vos parece este tipo de actitudes?
Lucía, de Chuchamel: A verdade que esa é unha das maiores contradicións…. A OMS aconsella a lactancia prolongada máis alá dos dous anos. A pesares disto, moitos profesionais non seguen esta recomendación, e a veces as nais reciben a mensaxe de que un aleitamento tan prolongado non é beneficioso para o seu fillo. Teño que dicir, que os especialistas cada vez son máis os que apoian e fomentan a LM, pero aínda queda moito por facer. En todo caso, nos seguimos sempre as recomendacións do Comité da Lactancia da Asociación Española de Pediatría, que neste tema en concreto no referente ás recomendacións da OMS.
Susana, de Bico de Leite: A min persoalmente enfádame e entristéceme o costume xeneralizado do «destete por decreto», receitado para solucionar mastites e demais problemas de lactancia, ou simplemente porque a nai ten que tomar un medicamento (cando o 95% son compatíbeis co aleitamento) ou porque neno ou a nena «xa é maior para iso»… Paréceme unha clara inxerencia na liberdade das familias.
TD: Tamén se di que a lactancia xera unha relación de dependencia entre nai e fillo. Que hai de certo disto?
Lucía, de Chuchamel: É todo o contrario, os nenos que toman lactancia materna, son nenos moito mais seguros de si mesmos e axúdaos a ser no futuro adultos moito mais independentes…….Hai traballos que falan disto como “El poder de las caricias” do Doutor Adolfo Gomez Papí ou libros como “Un regalo para toda la vida” do Dr. Carlos González que fan referencia a importancia do contacto físico e da lactancia materna no desenvolvemento dos bebés. Neles hai numerosas referencias bibliográficas a traballos científicos que respaldan eses beneficios.
Susana, de Bico de Leite: En canto ao tema da dependencia… Os bebés humanos, ao nacer de xeito prematuro son totalmente dependentes. Precisan do contacto e do aleitamento para sobrevivir e desenvolverse. Se estas necesidades son atendidas na infancia, serán adultos independentes. Se, en troques, son negadas, arrastrarán esa carencia afectiva toda a vida. O déficit de apego está detrás de tres cuartas partes das doenzas mentais na idade adulta.
TD: Ata onde deben chegar os dereitos para as nais e a profundización no tema?
Lucía, de Chuchamel: Ata o respecto e apoio en todos os ámbitos da decisión da nai con respecto a alimentación e crianza do seu fillo.
Susana, de Bico de Leite: Nos nosos estatutos recollemos como obxectivo acadar o dereito a continuar coa lactancia materna unha vez reiniciada a actividade laboral, reivindicando o permiso de maternidade de 6 meses, as reducións de xornada laboral, excedencias pagadas e incremento de prazas de garderías públicas que estean preto dos centros de traballo… como punto de partida. Mais coido que as metas desexables serían máis amplas: o empoderamento das nais e dos pais para que sexan realmente libres na toma das decisións de crianza, o respecto absoluto ás necesidades da infancia (e a súa autorregulación) e mais a auténtica corresponsabilidade no labor de coidados.
Fotografías cedidas polas asociacións Bico de Leite e Chuchamel.
Para esta entrevista tamén se falou con outras asociacións pertencentes a Fedegalma como Criando e Teta e Coliño entre outras.
Texto: María Villamarín e Patricia Lamas Rivero
Ningún comentario:
Publicar un comentario